Thursday 09 de May de 2024

Ángeles Vázquez destaca que a aposta de Ternera Gallega polas novas tecnoloxías a mantén na vangarda dos selos de calidade


A conselleira do Medio Rural participou na presentación da Escola de Cociña desta Indicación Xeográfica Protexida e das súas novas aplicacións móbiles para os consumidores, produtores e comerciais

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou hoxe a aposta da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega polas novas tecnoloxías como fórmula para “achegarse aínda máis ao consumidor final, á distribución e aos produtores” desta carne de calidade diferenciada.

A titular de Medio Rural participou na presentación da Escola de Cociña de Ternera Gallega e das novas aplicacións móbiles desenvolvidas por esta IXP para os seus consumidores, produtores e comerciais. Ángeles Vázquez, que estivo acompañada pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e polo presidente da IXP, Jesús González, salientou que con esta iniciativa Ternera Gallega se mantén na “vangarda dos selos de calidade”.

Neste sentido, a conselleira lembrou as grandes cifras de negocio desta IXP e sinalou que non deixan de medrar nos últimos anos. Así, no 2015 comercializáronse baixo o amparo deste selo máis de 19.800 toneladas de carne, o que supuxo un incremento do 6,7% con respecto ao 2014. Tamén medrou un 4% o valor económico en primeira venda dos seus produtos ata superar os 112 millóns de euros e incrementouse ademais o número de explotacións inscritas nun 2,2%, situándose nas 7.837.

Ángeles Vázquez referiuse aos 27 anos de historia de Ternera Gallega e puxo en valor o seu esforzo que, en colaboración coa Xunta, fixo posible que esta marca “sexa recoñecida en cada recuncho da nosa xeografía”. Nesta liña, indicou que Medio Rural achegou nos últimos sete anos máis de tres millóns de euros para financiar o traballo da IXP en materia de promoción e fomento da calidade.

Nun contexto máis amplo, a conselleira destacou que a industria agroalimentaria galega factura 4.721 millóns de euros anuais e emprega a preto de 20.000 persoas, o que representa o 16,4% da facturación total e o 15% do emprego total da industria na nosa comunidade.